Sunday 12 de May de 2024

O Concello de Riveira activa unha actuación para regular por semáforo a avenida Miguel Rodríguez Bautista nos cruces con Canarias e Mariño de Rivera


Hoxe comeza o prazo de presentación de ofertas para este proxecto, impulsado segundo a recomendación do Plan de Mobilidade Urbana Sostible

O proxecto Riveira Atlántica 2015 –que está cofinanciado nun 70% con fondos europeos FEDER- enfila xa o seu tramo final e, dentro das actuacións englobadas no mesmo, unha delas é o Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS), á cal establece dúas propostas encamiñadas a reducir os atascos existentes no cruce da avenida Miguel Rodríguez Bautista coa rúa Mariño de Riveira, por unha banda, e coa rúa Canarias, por outra.

En consonancia con isto, a Xunta de Goberno Local vén de aprobar na súa sesión de onte o plego de prescricións técnicas para a contratación do subministro e instalación de sinalización semafórica na avenida Miguel Rodríguez Bautista, nas interseccións coas citadas rúas; así como a licitación da actuación.

Trátase dunha iniciativa cuxo importe ascende a 71.995 euros, IVE incluído, cun prazo de execución de 15 días. O prazo de presentación de ofertas comeza no día de hoxe e estará aberto por un espazo de 8 días naturais.

Invidentes
Os elementos a instalar (20 semáforos en total, sostidos sobre 15 columnas ou báculos) deberán ter un sistema de iluminación de tecnoloxía led, cumprindo as especificacións do Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía (IDAE). Ao igual que os xa existentes no Malecón, tamén deberán estar adaptados a invidentes.